O Consello Escolar Municipal de Teo aprobou unha proposta de rexeitamento da LOMCE
23/11/2013
O consello escolar municipal de Teo acordou amosar o seu rexeitamento
contra o anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade
Educativa (LOMCE) así como reclamar a súa retirada. Na reunión do consello, esta pasada semana, tamén se amosou o apoio ás reivindicacións
da ANPA do IES de Cacheiras que lle reclaman á Consellería maior
dotación de equipos de novas tecnoloxías para o centro.
O texto no que se rexeita a LOMCE destaca que se trata dunha norma
“reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica,
antidemocrática e confesional”. No escrito, presentado pola CIG, tamén
se explica que esta lei “liquida a igualdade de oportunidades e expulsa
do ensino os sectores máis desfavorecidos da sociedade”.
O acordo aprobado polo consello escolar municipal critica especialmente o
tratamento da lingua galega, o fortalecemento do ensino privado
concertado, as dificultades que se poñen para un ensino laico e a
imposición dun sistema de continuas barreiras selectivas para que só
unha minoría acceda a estudos postobrigatorios e universitarios.
Destácase tamén a desvalorización da FP que propón a lei e a
mercantilización da educación. No escrito esíxese a retirada desta norma
e que se realice unha verdadeira negociación cos sectores implicados e
demanda un “ensino público galego, laico e democrático”.
Durante a reunión tamén se apoiaron as demandas da Asociación de Nais e
Pais “San Simón” do IES de Cacheiras que lle esixen á Consellería de
Educación unha mellor dotación para o centro de material de novas
tecnoloxías. Alertan de que os equipos que ten o centro están obsoletos e
en ocasións nin sequera son compatibles con sistemas actuais. As nais e
pais solictan ademais unha xuntanza co Xefe Territorial de Educación,
Indalecio Cabana, para demandar que “os/as nosos/as fillos/as non sexan
marxinados na súa formación, converténdose en analfabetos tecnolóxicos”.
Na xuntanza do consello escolar presentouse ademais o programa de
actividades da Concellaría de Educación que levará concertos, teatro e
música ós colexios. Tamén se informou doutras accións como a
convocatoria de bolsas de ensino, o banco de libros ou os programas de
conciliación municipais.
Segundo os datos da Concellaría de Educación neste curso o CEIP da
Igrexa Calo ten unha matrícula de 387 nenos/as; o CEIP da Ramallosa
conta con 398 e o CEIP Os Tilos 390 rapaces/zas. O IES de Cacheiras
conta cunha matrícula de 643 alumnos/as.
O Consello Escolar Municipal de Teo ten representación de toda a
comunidade educativa: alumnos/as, pais e nais, mestres, organización
sindicais, directores de centros educativos, movementos de renovación
pedagóxica, unha especialista en temas educativos e representantes de
AAVV e das asociacións empresariais do Concello.
Os Consellos Escolares Municipais son instrumento de participación
dentro do sistema escolar e as súas funcións son asesoramento, consulta,
proposta e información na planificación e intervención educativa non
universitaria.
No hay comentarios:
Publicar un comentario