O Conselleiro de Educación, Jesús
Vázquez, afirmou no último pleno que ía “extender” o copago dos comedores
escolares, que deixarán de ser gratis para o 34,25% dos usuarios galegos. O
prezo máximo ascende a 4,5 euros.
Desde CONFAPA-GALICIA manifestamos o
noso total desacordo a este re-pago.
A Escola Pública está pagada cos nosos
impostos que tamén se utilizan, sen ter en conta a nosa opinión, para soster
empresas privadas de Educación con fondos públicos. A Educación non pode ser un
negocio e moito menos un negocio onde o goberno invirte cartos dos
contribuíntes.
Hai que ser conscientes da importancia
do comedor escolar para a conciliación das familias e de que é un dos servizos
que debe ofertar a Escola Pública. Este recorte, como tantos outros, realiźase
ao abeiro da crise e esta, á súa vez, susténtase na chamada “débeda nacional”.
Pretenden facernos crer que estas medidas se toman para solucionar algo e iso
non é certo, xa que se toman para conquerir o obxectivo de beneficiar ao poder
financieiro e lograr unha clase traballadora con moitos menos dereitos. E o
peor é que non son medidas pasaxeiras senon froito dunha estratexia.
Os dereitos que tardamos tanto en
conseguir, non os imos recuperar se
deixamos que se perdan. A Educación Pública non debe pagar a débeda dos bancos:
público non significa “do goberno”, senon de todos os cidadáns e
cidadás. O público debe ser intocable, respectado por riba da ideoloxía do
goberno de turno.
A medida que pretenden aplicar desde a
Consellería atenta directamente contra “o público” así entendido. Tal
Consellería debería ser consciente do dano irreparable que se está a facer aos
centros do rural. Supoñémos sabedores aos responsables da Consellería de
Educación de que moitos máis rapaces dos que cremos, fan a única comida en
condicións ao día precisamente no colexio.
A Administración é sempre
subsidiariamente responsable da Educación; e mentres haxa un neno ou unha nena
con calquera tipo de necesidade, é responsabilidade da Consellería.
Por outra banda, consideramos que o
uso do transporte escolar non debe tomarse como modelo prioritario para a
gratuidade do comedor. Familias que vivan a cen metros do centro educativo
poden precisar de xeito urxente un servizo que, ademáis, está incluído na
Programación Xeral Anual de todos os Centros, e que é atendido por nais e pais
sen contrato e a quen se lles paga a dous ou tres meses vista.
Queremos transmitir ás Anpas Federadas
así como ao conxunto da cidadanía que as nais e pais da escola pública
non imos repagar un servizo que nos corresponde por dereito.
Defendemos, como sempre o fixemos, unha educación pública gratuíta, de
calidade, de todos e para todos.
A falta de cartos que alega a
Consellería non é recoñecida por nós que, como cidadáns vemos como se dilapidan
noutros asuntos supérfluos. Non pedimos senon que esiximos que a
Consellería de Educación execute XA o estipulado pola Xustiza e retire
INMEDIATAMENTE os concertos ás empresas privadas de educación que segregan por
sexos, sen esperar á implantación da LOMCE que invalidaría a sentenza
do TSXG. Porque contra tal Anteproxecto tamén estamos a loitar xunto co resto
da comunidade educativa.
Unha vez recuperados os 3-5 millóns de
euros destinados a eses Centros, a Consellería debe investir nos comedores que
hoxe quere desmantelar.
En canto ao tema dos “tuppers”, é unha
posibilidade que nin sequera queremos contemplar por segregadora: a escola
pública sempre defendeu e defenderá a igualdade entendida como equidade e non
discriminación en ningún dos seus posibles sentidos.
MARZO DE 2013.