O Concello de Teo abre o prazo de
recollida de libros para o Banco municipal para o curso 2014/15. Esta
iniciativa funciona en Teo por terceiro ano consecutivo e a concelleira
de Educación, María Álvarez Garea, destaca “o incremento de doazóns que
tivemos o ano pasado respecto do primeiro ano que agardamos que se volva
a dar neste curso”.
Para o curso actual puideron prestarse un total de
227 libros que beneficiaron a 56 usuarios/as. Os cursos nos que máis
libros se doaron foron 4º, 5º e 6º de primaria e os centros nos que se
concentraron esas entregas foron Ramallosa e Calo xa que nos Tilos
xestiona o banco a ANPA. O primeiro ano de funcionamento do Banco, o
verán de 2012, recibíranse só 62 libros.
As persoas interesadas en entregar
libros poden facelo entre o 23 de xuño e o 4 de xullo en horario de
09:30 ás 13:30 horas na Aula de informática, situada no CSC da
Ramallosa. O 25 de xuño a entrega poderase facer só entre as 16:00 e as
20:00 horas. As doazóns deben ser de libros de texto usados nos colexios
públicos do Concello que sexan válidos segundo as listas de libros do
curso 2014/15. Deben estar en bo estado de conservación. Para estas
entregas quedan excluídos libros que se utilicen como cadernos ou nos
que se escriba, moi habitual nos volumes de Educación Infantil e nalgúns
de primeiro ciclo de Primaria. Cando se fai a entrega hai que presentar
unha ficha cos datos persoais e a lista dos libros. Esta ficha , que é igual para facer doazóns que para solicitar libros xa se pode descargar aquí
As
persoas que soliciten o préstamos de libros deben facer a petición
presentando a ficha e seralles notificado a partir do 8 de xullo a data e
o horario de entrega dos libros. Poden doar e/ou solicitar familias con
fillos/as escolarizados nos centros públicos do Concello. As persoas
que reciban libros deben ademais comprometerse a devolvelos ó remate do
curso en bo estado.
Para seleccionar ás
familias demandantes terase en conta en primeiro lugar as familias que
conten cun informe de Servizos Sociais que aconselle o préstamo. Despois
atenderase por prioridade as unidades con máis puntos tendo en conta
que as familias que doaran libros recibirán un punto por cada libro de
texto entregado e as familias con máis dun fillo/a tamén terán un punto
por cada fillo. A continuación atenderase o resto das unidades
familiares.
Dende Educación destacan que iniciativas coma esta buscan varios obxectivos positivos e complementarios “dende
apoiar economicamente ás familias reducindo os gastos asociados á
escolarización ata sensibilizar á comunidade educativa no coidado e
reutilización dos libros de texto ou xerar actitudes solidarias”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario