Co obxectivo de por en marcha o libro
dixital nos centros educativos galegos, o proxecto E-DIXGAL arranca este
curso 2014/2015, incorporando a máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria
de 84 centros Abalar que se adscribiron á iniciativa.
Docentes e alumnos dos centros implicados desenvolverán a súa actividade educativa diaria nun entorno virtual de aprendizaxe
que lles vai permitir acceder a contidos dixitais para 5º de primaria
de dous provedores, a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais
Netex.
Os docentes poderán elaborar a súa propia “mochila dixital”
seleccionando a través da plataforma dixital os contidos formativos e
podendo incorporar os materiais complementarios que desexen, así como
contidos de elaboración propia. Cómpre recordar que estes centros,
integrados no proxecto Abalar, teñen tamén a súa disposición o
espazoAbalar con máis de 2.106 recursos educativos dixitais
complementarios en sete idiomas.
Os alumnos poderán acceder ao
material seleccionado polo profesor tanto a través dunha conexión a
internet (modo online) como dende o seu netbook (modo offline). Deste
xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de
conexión a Internet desde as súas casas poidan seguir o curso sen
dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será
actualizado de maneira automática na plataforma en canto o netbook volva
ter conexión de rede.
A posta en marcha desta iniciativa implica a formación do profesorado e do alumnado, que desde o luns 8 de setembro terán á súa disposición na propia plataforma cursos de teleformación orientados a cada un dos perfís sobre o uso e vantaxes da plataforma.
O acceso á plataforma virtual de
aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a
internet sempre que se faga uso das claves de acceso que lle serán
entregadas ao alumnado no centro. Porén o alumno que así o desexe, ten a
posibilidade de utilizar tamén na súa casa o netbook (ordenador
portátil) que emprega na clase, para o que deberá solicitar no seu
centro un formulario de préstamo do mesmo, que devolverá asinado no
prazo máis breve posible.
A utilización do ordenador portátil e
das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o
alumno. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso
dilixente do equipamento, ao coidado dun equipo público, que poderá ser
usado noutros cursos por outros alumnos, e a unha utilización vinculada á
actividade educativa para a que é cedido.
Para solucionar incidencias técnicas
no uso do entorno virtual de aprendizaxe, tanto os profesores como as
familias contarán cun equipo de soporte técnico con atención continuada
de luns a venres de 8 a 20 horas, a través do teléfono 881 99 77 01 e no correo electrónico uac@edu.xunta.es
No hay comentarios:
Publicar un comentario