14 de febrero de 2013

CONCURSO FOTOGRÁFICO "OLLADAS EN IGUALDADE"


Co gallo da conmemoración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres, a Concellaría de Igualdade do Concello de Teo, a través do Centro de Información ás Mulleres, convoca o concurso de fotografía “Olladas en igualdade“. Consulta aquí as bases completas
Este concurso ten como finalidade promover valores que diminúan os prexuízos e os estereotipos de xénero, fomentando un cambio de mentalidade e a consolidación de valores culturais de igualdade de oportunidades, corresponsabilidade, conciliación da vida persoal, familiar e laboral, etc. e, en xeral, promover a eliminación de obstáculos que impiden a libre participación das mulleres na vida política, social, económica e cultural.

As fotografías deben representar os valores de igualdade entre homes e mulleres, desde calquera punto de vista e ámbito (por exemplo, a corresponsabilidade nas tarefas domésticas, ocio en igualdade, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, a incorporación das mulleres ou dos homes a profesións tradicionalmente consideradas do outro sexo, etc.).
O xurado resérvase o dereito de aceptación das obras segundo se axeiten ou non á temática requirida. Non se aceptarán nin publicarán arquivos con contidos contrarios ao dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar ou á propia imaxe das persoas, nin ningún outro que sexa contrario á legalidade vixente.
Dirixido:
Poderá participar no concurso calquera persoa empadroada no Concello de Teo que non se dedique profesionalmente á fotografía nunha das seguintes categorías:
  1. Ata 12 anos
  2. De 13 a 17 anos
  3. Desde 18 anos

Para computar a idade tomarase como referencia o 8 de marzo do 2013.
Quedan excluídos da participación os membros do xurado. O persoal do Concello de Teo poderá presentar fotografías pero quedará fóra do concurso.
Lugar de solicitude: A participación no concurso é gratuíta e as fotografías poderanse presentar nun CD ou nunha USB no Centro de Información ás Mulleres (CIM) dentro do seu horario de atención ao público (de luns a venres, de 8:00 a 15:00 h) ou enviándoas ao enderezo electrónico cim@concellodeteo.com
En ambos casos, deberá achegarse a seguinte documentación (en papel, se a entrega é no CIM, ou escaneada no caso da presentación electrónica):
  1. Ficha de inscrición que se xunta debidamente cuberta e asinada pola persoa participante, ou por quen a represente legalmente no caso de ser menor de idade.
  2. Se na fotografía aparecen persoas diferentes de quen participa, achegarase tamén o formulario que se xunta debidamente cuberto e asinado, no que manifesten a súa autorización para a realización da fotografía, así como a vontade de ceder expresa e gratuitamente a súa imaxe para os fins previstos na base sétima in fine deste concurso.

A falta dalgún destes requisitos suporá a descualificación automática da fotografía.
Prazo:
O prazo de recepción das fotografías estará aberto desde a publicación destas bases na páxina web do concello de Teo ata ás 15:00 h do 4 de marzo de 2013. Non participarán no concurso as fotografías recibidas con posterioridade ao prazo sinalado.
En prazo de presentación: 08/02/2013 - 04/03/2013 

12 de febrero de 2013

A CONCELLERÍA DE BENESTAR DE TEO QUERE IMPULSAR O VOLUNTARIADO DE ACOMPAÑAMENTO


A Concellaría de Benestar, Igualdade e Participación Veciñal, dirixida por Ignacio Iglesias, quere impulsar o voluntariado de acompañamento. Para eso convócase unha reunión o xoves 21 de febreiro ás 20:00 horas no salón de plenos do Concello de cara a informar ás persoas interesadas. Se queres facerte voluntario podes descargar a ficha de inscrición premendo aquí
O edil de Benestar destaca “o bo funcionamento do programa de voluntariado posto en marcha a finais do ano pasado, xa que temos en marcha o banco de alimentos municipal que atende a oito familias de xeito estable grazas á colaboración de 9 voluntarios”. Agora quérese comezar o voluntariado de acompañamento, para o que se anima a aquelas persoas maiores de 18 anos que teñan unha dispoñibilidade horaria de xeito habitual polo menos dunha hora.

O voluntariado de acompañamento está orientado a estar con persoas maiores ou dependentes para pasar un anaco de tempo con eles, ou realizar actividades como pequenos paseos ou lectura. Iglesias explica que xa hai persoas interesadas en colaborar con esta área do voluntariado pero precísanse máis, así como nos outros programas que xa están funcionando, o banco de alimentos e o roupeiro municipal.

Despois da reunión do 21 de febreiro planificarase unha formación para os voluntarios interesadas en facer acompañamento que será impartida por persoal do servizo de axuda no fogar.

As persoas que desexen máis información sobre o programa de voluntariado do Concello de Teo poden achegarse aos Servizos Sociais municipais ou chamar ó teléfono 981 809 707. 


Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.