26 de noviembre de 2015

RECOLLEITA BANCO VECIÑAL DE ALIMENTOS DE TEO

O ANPA Río Tella como todos sabedes vén colaborando con accións sociais do Concello de Teo desde fai anos. Dentro destas colaboracións está o Banco Veciñal de Alimentos de Teo.

Este Banco Veciñal de Alimentos está dentro do Voluntariado Social de Teo, formado por veciños que co seu tempo axudan a que este Banco sexa unha realidade.

Desde o ANPA lanzamos unha campaña de recolleita de alimentos. Este fin de semana acórdache de comprar un alimento introducilo nunha bolsa e envialo ao CEIP o vindeiro luns.

Desde o Banco Veciñal de Alimentos de Teo, indícannos que teñen suficientes alimentos secos (legumbres, arroz, pasta, etc.), pero carecen de alimentos como leite, conservas e aceite. Estes alimentos tamén teñen durabilidad e fan que as achegas ás familias que os necesitan sexan máis variadas. Recordade aproxímase o Nadal, tamén podemos contribuír a que sexan un pouco máis doces.

Grazas pola túa achega


23 de noviembre de 2015

SEGURO ESCOLAR DEL ANPA RIO TELLA

ANPA RIO TELLA , recoñecendo as vantaxes de ter un Seguro Escolar que cubra os accidentes que lles poidan xurdir aos alumnos do centro, ha decido contratar un Seguro Acumulativo para Colexios, ao non estar recolleitos ao Seguro Escolar Obligatorio, contratando coa CIA. de Seguros Allianz, con oficinas en Rúa Nova de Abaixo nº12 local 14, teléfono 981.53.03.42.

A presente póliza cobre aos alumnos única e exclusivamente de accidentes escolares, por calquera das seguintes causas e circunstancias:

  1. Dentro do recinto do colexio, durante as clases, xogos, exercicios autorizados pola súa dirección ou profesorado.
  2. Nos desprazamentos desde o seu domicilio particular ao colexio e regreso, en calquera medio de locomoción.
  3. En viaxes organizadas polo colexio, exames, excursións, visitas a museos e análogos.
  4. Tamén se cobren os accidentes acaecidos na práctica de deportes, e en xeral toda lesión involuntaria producida e debida a causa externa e violenta. 

INDEMNIZACIÓNS GARANTIDAS


  • Capital asegurado por alumno en caso de MORTE …………………………….…… 3000€
  • Capital asegurado por alumno en caso de INVALIDEZ PERMANENTE…………… 3000€
  • Gastos médicos ilimitados en centros concertados (ej.: Policlínico La Rosaleda).
  • Indemnizacións por invalidez parcial : Segundo baremo nas Condicións Xerais da póliza.
O prezo do seguro por cada ALUMNO É DE 7,50 €/ano

10 de septiembre de 2015

INSCRICIÓN NAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES (FORMULARIO)


O prazo de inscrición remata o 22 de setembro de 2015 

Avisaremos confirmando as actividades que se levarán a cabo así como o prazo de pagamento. 

É importante antes de facer o pago agardar a que se confirme que a actividade ten suficientes inscritos para que se poida levar a cabo.

CIRCULAR Nº1 DO CURSO 2015/2016





8 de septiembre de 2015

SERVIZO DE MADRUGADORES DA ANPA RIO TELLA CURSO 2015/2016


O servizo de madrugadores funcionará a partir do día 11 de setembro no horario e prezos que marca a táboa.

O pagamento da cota de socio do ANPA, 15 €, realizarase en:

Caixa (CaixaBank): ES7601334717424200001103

Travesía de Cacheiras, 69. 15883 Cacheiras (Teo)


O ingreso non ten custe adicional para os clientes de dita entidade. Para @s que non son clientes o ingreso gratuíto se se realiza de forma presencial na sucursal, Travesía de Cacheiras, 69. 15883 Cacheiras (Teo).


É importante que indiquedes no concepto o nome e apelidos da alumna ou alumno, non da persoa que fai o ingreso. Exemplo: MANUEL FERNÁNDEZ GARCÍA-COTA ANPA.



15 de junio de 2015

FESTIVAL SOLIDARIO DEPORTIVO ANPA RIO TELLA - RESUMO

O pasado día 12 de xuño de 2015 celebramos no CEIP dá Ramallosa el Festival Solidario Deportivo ANPA Rio Tella no Pavillón de Deportes Ezequiel Mosquera do Concello de Teo e no propio CEIP A Ramallosa. 

Durante a xornada realizáronse o campionato de Judo nas súas diferentes categorías e as exhibicións de Ballet, Ximnasia, Circo e Inglés, pertencentes, ao igual que Judo ás actividades extraescolares programadas polo ANPA Rio Tella no curso 2014/2015. 

A participación foi numerosa contando con máis de 300 nenos, tanto en Judo como no resto de actividades. 

Durante todo a tarde e en diversas localizacións do reciento do CEIP A Ramallosa, contouse con inchables, animación de xogos, paseo en cabalo e demostración de béisbol. 

O ANPA Rio Tella, instalou un pequeno mercado solidario con achegas do Roupeiro Municipal de Teo e un punto de recollida para o Banco Veciñal de Alimentos de Teo, onde se recolleron máis de 100 Kg de alimentos, así como un peto solidario a favor de ASPAMITE. 

Unha representación de ASPAMITE acompañounos durante toda a xornada. Agradecemos a súa presenza e o apoio que nos brindaron.

Como mostra de agradecemento dirémosvos que contamos co apoio desinteresado de: 
  • Gadis, coa achega de auga e froita para os participantes no campionato de de Judo. 
  • Arc Os Tilos, por facernos pasar una excelente tarde con xogos tradicionáis e animación para os mais pequenos. 
  • Club de Béisbol e sófbol Os Tilos, realizando unha demostración práctica deste deporte, que incluiremos como actividade extraescolar o próximo ano se hai suficiente demanda. 
  • Ultreia Centro Ecuestre, por participar no Festival facendo as delicias dos nenos montando os seus preciosos cabalos. 
  • Javier Rial, profesor de judo nas actividades extraescolares do ANPA Rio Tella e por extensión ao seu equipo por facer posible un gran campionato de Judo e axudar ao ANPA Rio Tella na organización do Festival. 
Grazas tamén a todos os monitores das actividades do ANPA Rio Tella pola súa dedicación e a súa participación no Festival.

O ANPA Rio Tella estamos agradecidos aos profesores do CEIP que se achegaron para arrouparnos e ao Concelleiro Anxo Rei pola súa presenza no Festival. 

Pedimos igualmente desculpas polas cousas que puidesen saír mal, e animádevos a todos os pais do CEIP a participar no ANPA como membros activos e a colaborar nas próximas actividades para o próximo curso 2015/2016. 

Grazas.












10 de junio de 2015

POLA GRATUIDADE UNIVERSAL DOS LIBROS DE TEXTO



Ó Ensino Público é unha realidade imprescindible na nosa vida, é a garantía de que os nosos fillos e fillas terán futuro, e que todas e todos o terán nas mesmas condicións e cos mesmos dereitos. Para que isto sexa así nós, as familias, traballamos todos os días, para que o Ensino Público mellore constantemente e para que ninguén quede fóra del. 

Nós sabemos que no Ensino Público non pode haber diferenzas porque queremos que os nosos fillos e fillas medren en igualdade, e porque entendemos que a súa educación debe estar ao marxe das diferenzas económicas, por iso defendemos sempre que TODO o ensino público ten que ser gratuíto, e podemos dicilo e esixilo porque nós, a xente deste País, somos quen aportamos cos nosos impostos todo o diñeiro público, e debemos ser nós tamén quen decidamos en que e como se vai utilizar ese diñeiro. 

Pero é necesario que aqueles a quen escollemos para que organicen a administración da vida en común actúen de acordo co que nós decidimos, porque foi para iso para o que os escollemos, e escoiten e entendan que: 

• Todos os nenos e nenas desta Nosa Terra teñen dereito a un ensino público gratuíto 
• Dentro dese ensino público gratuíto teñen que estar incluídos todos os libros de texto. 
• Identificamos libros de texto con calquera material didáctico adaptado que calquera neno ou nena poida necesitar, e reclamamos tamén a súa gratuidade. 
• Eses libros e material son de todos, e queremos recibilos só en préstamo mentres os necesiten os nosos nenos e nenas, para que logo volvan aos seguintes e así mentres sexan utilizables. 

E repetímolo, por se non se nos entende: 

As FAMILIAS E AS ANPA QUE FORMAMOS A FEDERACIÓN… E A CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS. 

ESIXIMOS A VOLTA A UN SISTEMA DE PRÉSTAMO UNIVERSAL E GRATUITO DO LIBROS DE TEXTO OU DO O MATERIAL QUE OS SUBSTITÚA, SEN QUE DEPENDA DAS RENDAS DAS FAMILIAS, SENÓN QUE SEXA O MESMO PARA TODO O ALUMNADO GALEGO. 

ESIXIMOS TAMÉN A GRATUIDADE ABSOLUTA, SEN QUE DEPENDA DE NINGUNHA CONDICIÓN PERSOAL NIN ECONÓMICA, DE TODO O MATERIAL DIDÁCTICO ADAPTADO QUE PRECISE CALQUERA NENO OU NENA GALEGOS.

29 de mayo de 2015

CAMBIO DE LIBROS - CARTA ABERTA AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN DA CONFEDERACION DE ANPAS GALEGAS

CARTA ABERTA AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN 

O curso 2014-2015 remata dentro dunhas poucas semanas, e antes de que iso aconteza hai que lle dar ás familias a información sobre os libros de texto para o vindeiro ano escolar, un ano no que se ha completar a implantación da LOMCE nos cursos de Primaria, e no que comezará a se implantar nos cursos impares de Secundaria. 

 O pasado ano, por estas datas, as familias fixemos unha ampla campaña para que os libros de texto non se cambiaran para aqueles cursos nos que a LOMCE comezaba a súa andaina, porque considerabamos que o custo para as familias non se xustificaba coa implantación apresurada e desorganizada dunha Lei que a comunidade rexeitaba e que tiña moitas posibilidades de ter unha vixencia moi breve. Así foi, e mesmo temos que lembrar as palabras do entón conselleiro de educación que xustificaba a permanencia dos libros anteriores dicindo que “hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas”; palabras que entendemos que continúan a ser da mesma actualidade que entón. 

 Un ano máis tarde, e logo de ter solicitado diversas reunións coas autoridades educativas para tratar sobre este tema, mesmo logo de ter enviado ao Parlamento de Galicia, a través dos grupos parlamentares que se fixeron eco das nosas demandas, unha solicitude de aclaración pública sobre a postura da Consellería de Educación en canto ao cambio de libros de texto e á organización dos bancos de libros previstos na Orde de axudas do ano 2014, a resposta da Consellería é o silencio e a falta intencionada de información, o que significa un claro desprezo ás familias que neste momento aínda non coñecemos cal vai ser a magnitude do gasto ao que nos enfrontaremos o curso próximo e, sobre todo, cal vai ser a utilidade dese gasto, toda vez que a LOMCE é unha norma da que cabe presumir unha pronta derrogación. 

 O 13 de xullo de 2013, logo de que o Congreso dos Deputados rexeitara todas as emendas á totalidade presentadas contra da LOMCE, todos os partidos da oposición asinaron un compromiso para derrogar esa Lei “no primeiro período de sesións da próxima lexislatura”, obviamente se chegaban ao Goberno logo das eleccións xerais que se han celebrar no próximo outono. 

 Vistos os resultados das eleccións municipais do pasado domingo, e sen pretender facer análise electoral que é algo que non nos corresponde, ás ANPA éntranos unha dúbida razoable sobre a vixencia da actual norma educativa, e preguntámonos cal é o sentido de continuar co seu desenvolvemento, e de variar os libros de texto que o alumnado terá que utilizar, cando entra facilmente dentro do posible que moito antes de que remate o próximo curso escolar xa non sexa máis que unha norma antiga e que xa non estea en vigor. 

E por iso, dende a Confederación ANPAS GALEGAS, solicitamos da Administración Educativa da Xunta de Galicia que para o próximo curso escolar 2015-2016 non se permita o cambio de ningún libro de texto nin no ensino primario nin no secundario, en previsión de que os libros que se puideran mercar tiveran que ser novamente cambiados un ano máis tarde, por causa doutro cambio normativo; e que se aproveite este novo curso para organizar a volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto que a comunidade educativa leva demandando unanimemente dende que se substituíu por un sistema de axudas que resulta ineficaz, inxusto e tremendamente custoso para os presupostos públicos e privados. 

E quixeramos preguntarlle ao Conselleiro de Educación, por este medio xa que rexeitou sistematicamente darnos unha resposta polas outras canles utilizadas: 

  • Cal vai ser a postura da Consellería diante do posible cambio de libros de texto para o próximo curso escolar? 
  • Cómo van organizar os bancos de libros que están previstos na Orde de axudas do ano 2014 ?  Por qué non poñen novamente en marcha o sistema de préstamo universal e solidario que demanda toda a comunidade educativa ? 
  • Cales son os intereses que defende esa consellería, os das familias ou os da industria editorial, cando están dispostos ao silencio cómplice diante dun gasto innecesario e moi dificilmente asumible para as familias ?

27 de mayo de 2015

QUÉ DIN ELES É QUE DICIMOS NOS DA REVÁLIDA DE 3º DE PRIMARIA

Qué din que se pretende con esta proba de avaliación de 3º de primaria:

·       Comprobar o grao de dominio das destrezas en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición de competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

·       Ten carácter informativo e orientador, e debe servir para:

o    Aportar información individualizada de cada alumno ou alumna, contribuíndo á detección de dificultades de aprendizaxe.
o    Aportar orientación e información aos centros educativos para adoptar medidas de mellora en función dos resultados obtidos polo seu alumnado.

o    Aportar información ás familias sobre o progreso de aprendizaxe, para poder tomar decisións e establecer medidas de mellora.



Para que dicimos en ANPAS GALEGAS que serve esta proba:

·       Para incrementar o traballo administrativo dos centros escolares xusto durante a fin do curso.
·       Para provocar un estado de tensión estéril nos escolares de 3º de primaria.
·       Para obter resultados falsos, porque están contaminados pola descontextualización e pola dependencia da situación puntual na que se obteñen.
·       Para poñer de manifesto novamente a discriminación do alumnado NEAE, a quen se lle deixa facer a proba, pero cuxos resultados non computarán porque realmente non se quere que participen do proceso educativo.
·       Para desprezar publicamente o traballo constante dos titores e titoras destes cursos avaliados, xa que os resultados do centro e do alumnado non se valoran por un curso completo senón por un exame puntual no que non se permite a súa participación.
·       Para desprezar ás familias, porque só estamos presentes para “recibir información”, como se non participaramos na educación dos nosos fillos, a través do contacto co seu profesorado, pero tamén mediante o traballo directo e permanente cos nosos fillos e fillas.
·       Para crear clasificacións de colexios, de grupos, de alumnado, de profesorado, de equipos docentes, de barrios, de zonas xeográficas…; e a consecuencia inevitable das clasificacións son os guetos, porque quen poida escapará dos “malos colexios” e crearanse grupos falseados dende o punto de vista social, tanto de “favorecidos” como de “desfavorecidos”, rompendo o principio de equidade que debe gobernar a escola pública; pero tamén rompendo dun golpe coas xa escasos logros conseguidos na inclusión da diversidade.
·       Para considerar de menor importancia aquelas competencias que non van ser avaliadas, o coñecemento do medio, a música, a plástica, a educación física, e aquí en Galicia tamén o inglés (nas Comunidades Autónomas monolingües as probas de competencia lingüística faranse en castelán e inglés, pero aquí o inglés non vai ser avaliado) malia a defensa constante que se fai desta disciplina por parte da Xunta de Galicia. E isto traerá como consecuencia que estas materias “de segundo nivel” irase abandonando para traballar máis aquelas “das que se poida tirar máis rendemento”·.
·       Para retroceder na procura dunha educación de competencias e non de contidos; se te van avaliar polos contidos que coñeces ese vai ser o obxecto dos teus estudos.
·       Para desprezarnos a nós mesmos; a nosa contorna, a nosa organización vital, os nosos valores e costumes non teñen importancia e non se avalía o seu coñecemento e interiorización, a competencia matemática valorarase en castelán, e a nosa lingua só serve para ser auto avaliada; o único para o que serve o galego é para falar galego, pero sempre que non falemos de cousas “importantes”.
·       Para gastar inutilmente os nosos recursos públicos: logo de anos de recortes, agora imos gastar para avaliar cómo estamos logo de estar recortados. Un absurdo.
·       Para xustificar calquera medida posterior: unha proba realizada por uns nenos e nenas de oito anos, que están fóra do paraugas protector do seu titor ou titora, pode dar como resultados calquera cousa ou a contraria. 



POR ISO EN ANPAS GALEGAS

·         Rexeitamos as reválidas, todas, pero esta especialmente porque está aí xa, e porque vai contra os máis pequenos dos nosos nenos e nenas.
·         Apoiamos ás familias que decidan non enviar aos seus fillos e fillas á escola durante os días nos que se organicen estas probas.
·         Chamamos ás familias para que manifesten o seu rexeitamento, a través da presentación do escrito que se acompaña.
·         Expresamos publicamente o noso rexeitamento como confederación, e invitamos a todas as federacións e a todas as anpas a que o fagan así en todos os foros que teñan ao seu alcance, páxinas web, redes sociais, taboleiros de anuncios, difusión aos seus socios, etc.
·         Esiximos nova e constantemente a derrogación da LOMCE, non queremos esa Lei, e non pararemos de dicilo.

QUÉ É A AVALIACIÓN-REVALIDA DE 3º DE PRIMARIA?

Qué é a avaliación-reválida de 3º de primaria?
·       Establécese na LOMCE, no artigo 20.3 dicindo que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todo o alumnado ao rematar 3º de primaria, segundo dispoñan as Administracións educativas, na que se comprobará o grao de adquisición de competencias en comunicación lingüística e da competencia matemática
·       En Galicia regúlase na resolución do 24 abril de 2015 que establece:
o    Que as probas serán o 27 e 28 de maio en todos os centros educativos galegos, públicos, privados e concertados.
o    Que se creará unha comisión de coordinación formada polo director-a, o xefe-a de estudos, o orientador-a e un titor-a de terceiro curso que:
§  Informará á comunidade educativa sobre o sentido e finalidade desta proba.
§  Planificará o seu desenvolvemento.
§  Seleccionará os mestres e mestras responsables da aplicación e corrección da proba.
o    Na proba haberá cadernos de alumnado para cada competencia avaliable, e cuestionarios de contexto para o profesorado, dirección do centro, alumnado e familias
o    Aplicarán as probas mestres-as que lles dean clases aos nenos-as avaliados, pero que non lles impartan nin lingua galega ou castelá, nin matemáticas; ou sexa, os de música, inglés ou educación física (os de relixión non, porque non lles dan clases a todos-as). Se non é posible, a comisión decidirá outros nomeamentos.
o    Corrixirán as probas mestres-as que dean clases de lingua ou matemáticas, pero que non lles dean clases aos nenos-as avaliados. Se non é posible, a comisión decidirá outros nomeamentos.
o    As probas estarán corrixidas e gravadas o 5 de xuño.
·       Alumnado NEAE
o    Con carácter xeral fará a mesma proba que o resto do alumnado, “adaptando as condicións ás súas necesidades”, adaptando tempos e formatos e facilitándolles medios materiais e axudas técnicas.
o    O alumnado que leve menos dun ano escolarizado en Galicia e que careza de competencia lingüística abonda, contará con asesoramento, pero os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais..
o    O alumnado que teña adaptación curricular avaliarase de acordo con esa adaptación, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.
o    As adaptacións anteriores terá que facelas o titor-a, o orientador-a , e os PT e AL.
·       Informes
o    Os centros obterán un informe de resultados de cada alumno-a con información sobre as destrezas e competencias avaliadas; e tamén un informe do centro sobre os resultados de centro e de grupo.
o    O titor-a deberá informar ás familias dos resultados.
·       Datos de carácter persoal
o    Os datos de carácter persoal estarán nun ficheiro custodiado pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación.
o    As familias terán o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición a que se conserven eses datos.
·       Análise de resultados

o    Os centros educativos farán unha análise de resultados nos seus órganos colexiados (claustro e consello escolar), establecendo accións de mellora dos resultados obtidos, que serán incorporadas na programación xeral anual.

7 de mayo de 2015

REXEITA AS REVÁLIDAS E A PROBA DE 3º DE PRIMARIA


AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA DE TERCEIRO CURSO DE EDUCACIÓN PRIMARIA - DOCUMENTACION OFICIAL

Xúntase a Resolución do 24 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2014/15.
  • A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 27 e 28 de maio.
  • Os centros educativos disporán ata o día 5 de xuño inclusive para a corrección da proba e a gravación dos datos. 


DOCUMENTOS:


28 de abril de 2015

PECHE DO PATIO DE RECREO DO CEIP A RAMALLOSA



Peche do Patio de Recreo do CEIP A Ramallosa. 

Dende fai anos, a comunidade de nais e pais do CEIP A Ramallosa a través do ANPA Rio Tella, estaban a demandar o illamento da zona de recreo do CEIP da zona de aparcadoiro destinada ao persoal do Centro. 

Este curso 2014/2015, por fin, e mediante aprobación no Conselo Escolar púidose proceder ao peche mediante un valo metálico e unha porta corrediza de acceso entre as dúas zonas. 

A obra foi sufragada ao 50% entre o Concello de Teo e o ANPA Rio Tella. A decisión de apoiar economicamente esta obra foi secundada por maioría nunha reunión do ANPA. 

Dende ao ANPA agradecemos ao CEIP A Ramallosa e ao Concello de Teo o apoio mostrado nesta solicitude. 



27 de abril de 2015

CAMPIONATO DE PATINAXE ARTÍSTICA


Ampla participación de Alumnos do CEIP A Ramallosa nun Campionato de Patinaxe Artística. 

Durante o domingo 26 de abril de 2015 o Club Patin Oroso, organizou o Campionato de Escolas Deportivas de Patinaxe Artística, celebrada no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro (Oroso). A cita acudiron as Escolas Municipais de Patinaxe Artística da Ramallosa, Os Tilos e Calo. Ampla representación da patinaxe do Concello de Teo.




22 de abril de 2015

CURSO DE FORMACIÓN EN PRIMEIROS AUXILIOS PARA PERSOAL DOCENTE E NON DOCENTE DO CEIP A RAMALLOSA

Durante os días 20 e 21 de abril, a Protección Civil de Teo impartiu un Curso de Formación en Primeiros Auxilios para persoal docente e non docente do CEIP ARamallosa. 

O devandito curso foi organizado de forma conxunta polo CEIP e oANPA Rio Tella. 

Dende o ANPA Rio Tella, mostramos o noso agradecemento tanto á Protección Civil de Teo pola súa dedicación e a súa profesionalidade durante os cursos e ás persoas asistentes. 

Cando se formulou a realización deste curso, dende o ANPAconsideramos varias razóns, pero para explicalo mellor, permitímonos incluír o apartado PRESENTACIÓN, da Guía para a Prevención de Accidente en Centros Escolares que a Protección Civil de Teo nos entregou durante o curso: 

Os accidentes infantís constitúen un grave problema de saúde pública xa que son a primeira causa de morte en nenas e nenas de 1 a 14 anos. Nestas idades hai máis mortes por lesións que pala suma de todas as demais enfermidades infantís. Non obstante, está demostrado que se se tomaran as medidas preventivas oportunas a maior parte destes accidentes poderíanse evitar. De todos os accidentes infantís o 15% ocorren en centros escolares.  

O centro escolar é o espazo onde nenas e nenas pasan unha grande parte do seu tempo e onde, ademais, realizan actividades, como determinados xogos e deportes, que implican riscos engadidos aos habituais. A prevención de accidentes no centro escolar implica a asunción do seu papel como contorno promotor de saúde; por iso a súa tarefa debe ser a de poñer en marcha todas as medidas de prevención posibles, para acadar un contorno seguro, respectando a normativa vixente e adoptando una serie de recomendacións específicas. Pola súa parte, o persoal docente, como axente de saúde na prevención de accidentes, debe transmitir ao alumnado as mensaxes oportunas a través da súa conduta modélica e do traballo na aula. Para cumprir esta tarefa ha de coñecer os riscos potenciais do accidente e pór en marcha as medidas preventivas ao seu alcance, pero ademais debe de estar adecuadamente informado para intervir no caso de que se produza o dito accidente.

Grazas a todos polo voso tempo.





20 de abril de 2015

PAGO ACTIVIDADES TERCEIRO TRIMESTRE

PREZOS TERCEIRO TRISMESTRE

Ximnasia Ritmica. 2 meses: 28 € 
Xedrez. 2 meses: 28 € 
Circo. 2 meses: 28 € 
Inglés. 2 meses: 28 € 
Piscina. 3 meses: 18 € 
Traballo coas mans. 2 meses: 35 € 
Ballet. 2 meses: 33 € 
Judo. 3 meses: 45 € 


 Segundo o acordado na reunión do ANPA do día 10 de outubro de 2014 procedeuse á apertura dunha conta bancaria na entidade La Caixa (CaixaBank, S.A.) na sucursal situada na Travesía de Cacheiras, 69 CP. 15883 Cacheiras (Teo). 

 A partir de agora os pagamentos, tanto de cotas como o pagamento trimestral de actividades realizásese de forma preferente nesta conta. 

 La Caixa (CaixaBank) ES7601334717424200001103 

 Ao realizar o pagamento é necesario e importante poñer no concepto os seguintes datos: 

 Nome e apelidos do alumno ou alumnos seguido da Actividade que realiza 
Exemplo: MANUEL FERNÁNDEZ GARCÍA, AXEDREZ, JUDO 

 O ingreso non ten custe para os clientes de CaixaBank e tampoco ten custe o ingreso en persoa na sucursal de Cacheiras para os no clientes de CaixaBank.

16 de abril de 2015

FORMACIÓN EN PRIMEIROS AUXILIOS PARA DOCENTES E PERSOAL DO CEIP RAMALLOSA (TEO)


Protección Civil de Teo

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Teo, ANPA Rio Tella e o CEIP A Ramallosa, coordinan dúas xornadas de formación para persoal docente e non docente do CEIP A Ramallosa. 

Dende o ANPA Rio Tella agradecemos a boa acollida das xornadas de formación que terán lugar os días 20 e 21 de abril de 2015. 

 As xornadas teñen como obxectivos formar nas nocións básicas relacionadas cos primeiros auxilios, así como instruír nas actuacións básicas antes as principais continxencias sanitarias que se producen nun centro escolar. 

 Establécense dous módulos, un teórico de e outro práctico de 2 horas cada un.

26 de marzo de 2015

CONFERENCIA ALUMNOS 6º. VULNERABILIDADE SOCIAL EN ADOLESCENTES


Esta actividade está organizada polo Equipo comunitario de Fontiñas e dirixida especialmente a nenos e nenas de 6º de primaria e da ESO. Debe confirmarse asistencia no  mail:



Javier Urra é  psicólogo forense na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza e Xuzgados de Menores de Madrid, foi Defensor do Menor na Comunidade de Madrid e é autor de obras como "educar con sentido común" ou "El arte de educar".

Un saúdo,


Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.