29 de mayo de 2015

CAMBIO DE LIBROS - CARTA ABERTA AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN DA CONFEDERACION DE ANPAS GALEGAS

CARTA ABERTA AO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN 

O curso 2014-2015 remata dentro dunhas poucas semanas, e antes de que iso aconteza hai que lle dar ás familias a información sobre os libros de texto para o vindeiro ano escolar, un ano no que se ha completar a implantación da LOMCE nos cursos de Primaria, e no que comezará a se implantar nos cursos impares de Secundaria. 

 O pasado ano, por estas datas, as familias fixemos unha ampla campaña para que os libros de texto non se cambiaran para aqueles cursos nos que a LOMCE comezaba a súa andaina, porque considerabamos que o custo para as familias non se xustificaba coa implantación apresurada e desorganizada dunha Lei que a comunidade rexeitaba e que tiña moitas posibilidades de ter unha vixencia moi breve. Así foi, e mesmo temos que lembrar as palabras do entón conselleiro de educación que xustificaba a permanencia dos libros anteriores dicindo que “hai marxe para que os novos contidos poidan ser adaptados nas aulas”; palabras que entendemos que continúan a ser da mesma actualidade que entón. 

 Un ano máis tarde, e logo de ter solicitado diversas reunións coas autoridades educativas para tratar sobre este tema, mesmo logo de ter enviado ao Parlamento de Galicia, a través dos grupos parlamentares que se fixeron eco das nosas demandas, unha solicitude de aclaración pública sobre a postura da Consellería de Educación en canto ao cambio de libros de texto e á organización dos bancos de libros previstos na Orde de axudas do ano 2014, a resposta da Consellería é o silencio e a falta intencionada de información, o que significa un claro desprezo ás familias que neste momento aínda non coñecemos cal vai ser a magnitude do gasto ao que nos enfrontaremos o curso próximo e, sobre todo, cal vai ser a utilidade dese gasto, toda vez que a LOMCE é unha norma da que cabe presumir unha pronta derrogación. 

 O 13 de xullo de 2013, logo de que o Congreso dos Deputados rexeitara todas as emendas á totalidade presentadas contra da LOMCE, todos os partidos da oposición asinaron un compromiso para derrogar esa Lei “no primeiro período de sesións da próxima lexislatura”, obviamente se chegaban ao Goberno logo das eleccións xerais que se han celebrar no próximo outono. 

 Vistos os resultados das eleccións municipais do pasado domingo, e sen pretender facer análise electoral que é algo que non nos corresponde, ás ANPA éntranos unha dúbida razoable sobre a vixencia da actual norma educativa, e preguntámonos cal é o sentido de continuar co seu desenvolvemento, e de variar os libros de texto que o alumnado terá que utilizar, cando entra facilmente dentro do posible que moito antes de que remate o próximo curso escolar xa non sexa máis que unha norma antiga e que xa non estea en vigor. 

E por iso, dende a Confederación ANPAS GALEGAS, solicitamos da Administración Educativa da Xunta de Galicia que para o próximo curso escolar 2015-2016 non se permita o cambio de ningún libro de texto nin no ensino primario nin no secundario, en previsión de que os libros que se puideran mercar tiveran que ser novamente cambiados un ano máis tarde, por causa doutro cambio normativo; e que se aproveite este novo curso para organizar a volta ao sistema de préstamo universal e gratuíto de libros de texto que a comunidade educativa leva demandando unanimemente dende que se substituíu por un sistema de axudas que resulta ineficaz, inxusto e tremendamente custoso para os presupostos públicos e privados. 

E quixeramos preguntarlle ao Conselleiro de Educación, por este medio xa que rexeitou sistematicamente darnos unha resposta polas outras canles utilizadas: 

  • Cal vai ser a postura da Consellería diante do posible cambio de libros de texto para o próximo curso escolar? 
  • Cómo van organizar os bancos de libros que están previstos na Orde de axudas do ano 2014 ?  Por qué non poñen novamente en marcha o sistema de préstamo universal e solidario que demanda toda a comunidade educativa ? 
  • Cales son os intereses que defende esa consellería, os das familias ou os da industria editorial, cando están dispostos ao silencio cómplice diante dun gasto innecesario e moi dificilmente asumible para as familias ?

27 de mayo de 2015

QUÉ DIN ELES É QUE DICIMOS NOS DA REVÁLIDA DE 3º DE PRIMARIA

Qué din que se pretende con esta proba de avaliación de 3º de primaria:

·       Comprobar o grao de dominio das destrezas en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición de competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

·       Ten carácter informativo e orientador, e debe servir para:

o    Aportar información individualizada de cada alumno ou alumna, contribuíndo á detección de dificultades de aprendizaxe.
o    Aportar orientación e información aos centros educativos para adoptar medidas de mellora en función dos resultados obtidos polo seu alumnado.

o    Aportar información ás familias sobre o progreso de aprendizaxe, para poder tomar decisións e establecer medidas de mellora.



Para que dicimos en ANPAS GALEGAS que serve esta proba:

·       Para incrementar o traballo administrativo dos centros escolares xusto durante a fin do curso.
·       Para provocar un estado de tensión estéril nos escolares de 3º de primaria.
·       Para obter resultados falsos, porque están contaminados pola descontextualización e pola dependencia da situación puntual na que se obteñen.
·       Para poñer de manifesto novamente a discriminación do alumnado NEAE, a quen se lle deixa facer a proba, pero cuxos resultados non computarán porque realmente non se quere que participen do proceso educativo.
·       Para desprezar publicamente o traballo constante dos titores e titoras destes cursos avaliados, xa que os resultados do centro e do alumnado non se valoran por un curso completo senón por un exame puntual no que non se permite a súa participación.
·       Para desprezar ás familias, porque só estamos presentes para “recibir información”, como se non participaramos na educación dos nosos fillos, a través do contacto co seu profesorado, pero tamén mediante o traballo directo e permanente cos nosos fillos e fillas.
·       Para crear clasificacións de colexios, de grupos, de alumnado, de profesorado, de equipos docentes, de barrios, de zonas xeográficas…; e a consecuencia inevitable das clasificacións son os guetos, porque quen poida escapará dos “malos colexios” e crearanse grupos falseados dende o punto de vista social, tanto de “favorecidos” como de “desfavorecidos”, rompendo o principio de equidade que debe gobernar a escola pública; pero tamén rompendo dun golpe coas xa escasos logros conseguidos na inclusión da diversidade.
·       Para considerar de menor importancia aquelas competencias que non van ser avaliadas, o coñecemento do medio, a música, a plástica, a educación física, e aquí en Galicia tamén o inglés (nas Comunidades Autónomas monolingües as probas de competencia lingüística faranse en castelán e inglés, pero aquí o inglés non vai ser avaliado) malia a defensa constante que se fai desta disciplina por parte da Xunta de Galicia. E isto traerá como consecuencia que estas materias “de segundo nivel” irase abandonando para traballar máis aquelas “das que se poida tirar máis rendemento”·.
·       Para retroceder na procura dunha educación de competencias e non de contidos; se te van avaliar polos contidos que coñeces ese vai ser o obxecto dos teus estudos.
·       Para desprezarnos a nós mesmos; a nosa contorna, a nosa organización vital, os nosos valores e costumes non teñen importancia e non se avalía o seu coñecemento e interiorización, a competencia matemática valorarase en castelán, e a nosa lingua só serve para ser auto avaliada; o único para o que serve o galego é para falar galego, pero sempre que non falemos de cousas “importantes”.
·       Para gastar inutilmente os nosos recursos públicos: logo de anos de recortes, agora imos gastar para avaliar cómo estamos logo de estar recortados. Un absurdo.
·       Para xustificar calquera medida posterior: unha proba realizada por uns nenos e nenas de oito anos, que están fóra do paraugas protector do seu titor ou titora, pode dar como resultados calquera cousa ou a contraria. 



POR ISO EN ANPAS GALEGAS

·         Rexeitamos as reválidas, todas, pero esta especialmente porque está aí xa, e porque vai contra os máis pequenos dos nosos nenos e nenas.
·         Apoiamos ás familias que decidan non enviar aos seus fillos e fillas á escola durante os días nos que se organicen estas probas.
·         Chamamos ás familias para que manifesten o seu rexeitamento, a través da presentación do escrito que se acompaña.
·         Expresamos publicamente o noso rexeitamento como confederación, e invitamos a todas as federacións e a todas as anpas a que o fagan así en todos os foros que teñan ao seu alcance, páxinas web, redes sociais, taboleiros de anuncios, difusión aos seus socios, etc.
·         Esiximos nova e constantemente a derrogación da LOMCE, non queremos esa Lei, e non pararemos de dicilo.

QUÉ É A AVALIACIÓN-REVALIDA DE 3º DE PRIMARIA?

Qué é a avaliación-reválida de 3º de primaria?
·       Establécese na LOMCE, no artigo 20.3 dicindo que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todo o alumnado ao rematar 3º de primaria, segundo dispoñan as Administracións educativas, na que se comprobará o grao de adquisición de competencias en comunicación lingüística e da competencia matemática
·       En Galicia regúlase na resolución do 24 abril de 2015 que establece:
o    Que as probas serán o 27 e 28 de maio en todos os centros educativos galegos, públicos, privados e concertados.
o    Que se creará unha comisión de coordinación formada polo director-a, o xefe-a de estudos, o orientador-a e un titor-a de terceiro curso que:
§  Informará á comunidade educativa sobre o sentido e finalidade desta proba.
§  Planificará o seu desenvolvemento.
§  Seleccionará os mestres e mestras responsables da aplicación e corrección da proba.
o    Na proba haberá cadernos de alumnado para cada competencia avaliable, e cuestionarios de contexto para o profesorado, dirección do centro, alumnado e familias
o    Aplicarán as probas mestres-as que lles dean clases aos nenos-as avaliados, pero que non lles impartan nin lingua galega ou castelá, nin matemáticas; ou sexa, os de música, inglés ou educación física (os de relixión non, porque non lles dan clases a todos-as). Se non é posible, a comisión decidirá outros nomeamentos.
o    Corrixirán as probas mestres-as que dean clases de lingua ou matemáticas, pero que non lles dean clases aos nenos-as avaliados. Se non é posible, a comisión decidirá outros nomeamentos.
o    As probas estarán corrixidas e gravadas o 5 de xuño.
·       Alumnado NEAE
o    Con carácter xeral fará a mesma proba que o resto do alumnado, “adaptando as condicións ás súas necesidades”, adaptando tempos e formatos e facilitándolles medios materiais e axudas técnicas.
o    O alumnado que leve menos dun ano escolarizado en Galicia e que careza de competencia lingüística abonda, contará con asesoramento, pero os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais..
o    O alumnado que teña adaptación curricular avaliarase de acordo con esa adaptación, e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.
o    As adaptacións anteriores terá que facelas o titor-a, o orientador-a , e os PT e AL.
·       Informes
o    Os centros obterán un informe de resultados de cada alumno-a con información sobre as destrezas e competencias avaliadas; e tamén un informe do centro sobre os resultados de centro e de grupo.
o    O titor-a deberá informar ás familias dos resultados.
·       Datos de carácter persoal
o    Os datos de carácter persoal estarán nun ficheiro custodiado pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación.
o    As familias terán o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición a que se conserven eses datos.
·       Análise de resultados

o    Os centros educativos farán unha análise de resultados nos seus órganos colexiados (claustro e consello escolar), establecendo accións de mellora dos resultados obtidos, que serán incorporadas na programación xeral anual.

7 de mayo de 2015

REXEITA AS REVÁLIDAS E A PROBA DE 3º DE PRIMARIA


AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA DE TERCEIRO CURSO DE EDUCACIÓN PRIMARIA - DOCUMENTACION OFICIAL

Xúntase a Resolución do 24 de abril de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada dos alumnos e alumnas de terceiro curso de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2014/15.
  • A aplicación das probas da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria realizarase os días 27 e 28 de maio.
  • Os centros educativos disporán ata o día 5 de xuño inclusive para a corrección da proba e a gravación dos datos. 


DOCUMENTOS:


Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.