14 de febrero de 2013

CONCURSO FOTOGRÁFICO "OLLADAS EN IGUALDADE"


Co gallo da conmemoración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres, a Concellaría de Igualdade do Concello de Teo, a través do Centro de Información ás Mulleres, convoca o concurso de fotografía “Olladas en igualdade“. Consulta aquí as bases completas
Este concurso ten como finalidade promover valores que diminúan os prexuízos e os estereotipos de xénero, fomentando un cambio de mentalidade e a consolidación de valores culturais de igualdade de oportunidades, corresponsabilidade, conciliación da vida persoal, familiar e laboral, etc. e, en xeral, promover a eliminación de obstáculos que impiden a libre participación das mulleres na vida política, social, económica e cultural.

As fotografías deben representar os valores de igualdade entre homes e mulleres, desde calquera punto de vista e ámbito (por exemplo, a corresponsabilidade nas tarefas domésticas, ocio en igualdade, a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, a incorporación das mulleres ou dos homes a profesións tradicionalmente consideradas do outro sexo, etc.).
O xurado resérvase o dereito de aceptación das obras segundo se axeiten ou non á temática requirida. Non se aceptarán nin publicarán arquivos con contidos contrarios ao dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar ou á propia imaxe das persoas, nin ningún outro que sexa contrario á legalidade vixente.
Dirixido:
Poderá participar no concurso calquera persoa empadroada no Concello de Teo que non se dedique profesionalmente á fotografía nunha das seguintes categorías:
  1. Ata 12 anos
  2. De 13 a 17 anos
  3. Desde 18 anos

Para computar a idade tomarase como referencia o 8 de marzo do 2013.
Quedan excluídos da participación os membros do xurado. O persoal do Concello de Teo poderá presentar fotografías pero quedará fóra do concurso.
Lugar de solicitude: A participación no concurso é gratuíta e as fotografías poderanse presentar nun CD ou nunha USB no Centro de Información ás Mulleres (CIM) dentro do seu horario de atención ao público (de luns a venres, de 8:00 a 15:00 h) ou enviándoas ao enderezo electrónico cim@concellodeteo.com
En ambos casos, deberá achegarse a seguinte documentación (en papel, se a entrega é no CIM, ou escaneada no caso da presentación electrónica):
  1. Ficha de inscrición que se xunta debidamente cuberta e asinada pola persoa participante, ou por quen a represente legalmente no caso de ser menor de idade.
  2. Se na fotografía aparecen persoas diferentes de quen participa, achegarase tamén o formulario que se xunta debidamente cuberto e asinado, no que manifesten a súa autorización para a realización da fotografía, así como a vontade de ceder expresa e gratuitamente a súa imaxe para os fins previstos na base sétima in fine deste concurso.

A falta dalgún destes requisitos suporá a descualificación automática da fotografía.
Prazo:
O prazo de recepción das fotografías estará aberto desde a publicación destas bases na páxina web do concello de Teo ata ás 15:00 h do 4 de marzo de 2013. Non participarán no concurso as fotografías recibidas con posterioridade ao prazo sinalado.
En prazo de presentación: 08/02/2013 - 04/03/2013 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.