25 de noviembre de 2013

O CONSELLO ESCOLAR MUNICIPAL DE TEO APROBOY UNHA PROPOSTA DE REXEITAMENTO DA "LOMCE"

O Consello Escolar Municipal de Teo aprobou unha proposta de rexeitamento da LOMCE 

23/11/2013
O consello escolar municipal de Teo acordou amosar o seu rexeitamento contra o anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) así como reclamar a súa retirada. Na reunión do consello, esta pasada semana, tamén se amosou o apoio ás reivindicacións da ANPA do IES de Cacheiras que lle reclaman á Consellería maior dotación de equipos de novas tecnoloxías para o centro.  

O texto no que se rexeita a LOMCE destaca que se trata dunha norma “reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional”. No escrito, presentado pola CIG, tamén se explica que esta lei “liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores máis desfavorecidos da sociedade”. O acordo aprobado polo consello escolar municipal critica especialmente o tratamento da lingua galega, o fortalecemento do ensino privado concertado, as dificultades que se poñen para un ensino laico e a imposición dun sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda a estudos postobrigatorios e universitarios. Destácase tamén a desvalorización da FP que propón a lei e a mercantilización da educación. No escrito esíxese a retirada desta norma e que se realice unha verdadeira negociación cos sectores implicados e demanda un “ensino público galego, laico e democrático”. Durante a reunión tamén se apoiaron as demandas da Asociación de Nais e Pais “San Simón” do IES de Cacheiras que lle esixen á Consellería de Educación unha mellor dotación para o centro de material de novas tecnoloxías. Alertan de que os equipos que ten o centro están obsoletos e en ocasións nin sequera son compatibles con sistemas actuais. As nais e pais solictan ademais unha xuntanza co Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana, para demandar que “os/as nosos/as fillos/as non sexan marxinados na súa formación, converténdose en analfabetos tecnolóxicos”. Na xuntanza do consello escolar presentouse ademais o programa de actividades da Concellaría de Educación que levará concertos, teatro e música ós colexios. Tamén se informou doutras accións como a convocatoria de bolsas de ensino, o banco de libros ou os programas de conciliación municipais. Segundo os datos da Concellaría de Educación neste curso o CEIP da Igrexa Calo ten unha matrícula de 387 nenos/as; o CEIP da Ramallosa conta con 398 e o CEIP Os Tilos 390 rapaces/zas. O IES de Cacheiras conta cunha matrícula de 643 alumnos/as. O Consello Escolar Municipal de Teo ten representación de toda a comunidade educativa: alumnos/as, pais e nais, mestres, organización sindicais, directores de centros educativos, movementos de renovación pedagóxica, unha especialista en temas educativos e representantes de AAVV e das asociacións empresariais do Concello. Os Consellos Escolares Municipais son instrumento de participación dentro do sistema escolar e as súas funcións son asesoramento, consulta, proposta e información na planificación e intervención educativa non universitaria. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.