27 de mayo de 2015

QUÉ DIN ELES É QUE DICIMOS NOS DA REVÁLIDA DE 3º DE PRIMARIA

Qué din que se pretende con esta proba de avaliación de 3º de primaria:

·       Comprobar o grao de dominio das destrezas en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición de competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

·       Ten carácter informativo e orientador, e debe servir para:

o    Aportar información individualizada de cada alumno ou alumna, contribuíndo á detección de dificultades de aprendizaxe.
o    Aportar orientación e información aos centros educativos para adoptar medidas de mellora en función dos resultados obtidos polo seu alumnado.

o    Aportar información ás familias sobre o progreso de aprendizaxe, para poder tomar decisións e establecer medidas de mellora.



Para que dicimos en ANPAS GALEGAS que serve esta proba:

·       Para incrementar o traballo administrativo dos centros escolares xusto durante a fin do curso.
·       Para provocar un estado de tensión estéril nos escolares de 3º de primaria.
·       Para obter resultados falsos, porque están contaminados pola descontextualización e pola dependencia da situación puntual na que se obteñen.
·       Para poñer de manifesto novamente a discriminación do alumnado NEAE, a quen se lle deixa facer a proba, pero cuxos resultados non computarán porque realmente non se quere que participen do proceso educativo.
·       Para desprezar publicamente o traballo constante dos titores e titoras destes cursos avaliados, xa que os resultados do centro e do alumnado non se valoran por un curso completo senón por un exame puntual no que non se permite a súa participación.
·       Para desprezar ás familias, porque só estamos presentes para “recibir información”, como se non participaramos na educación dos nosos fillos, a través do contacto co seu profesorado, pero tamén mediante o traballo directo e permanente cos nosos fillos e fillas.
·       Para crear clasificacións de colexios, de grupos, de alumnado, de profesorado, de equipos docentes, de barrios, de zonas xeográficas…; e a consecuencia inevitable das clasificacións son os guetos, porque quen poida escapará dos “malos colexios” e crearanse grupos falseados dende o punto de vista social, tanto de “favorecidos” como de “desfavorecidos”, rompendo o principio de equidade que debe gobernar a escola pública; pero tamén rompendo dun golpe coas xa escasos logros conseguidos na inclusión da diversidade.
·       Para considerar de menor importancia aquelas competencias que non van ser avaliadas, o coñecemento do medio, a música, a plástica, a educación física, e aquí en Galicia tamén o inglés (nas Comunidades Autónomas monolingües as probas de competencia lingüística faranse en castelán e inglés, pero aquí o inglés non vai ser avaliado) malia a defensa constante que se fai desta disciplina por parte da Xunta de Galicia. E isto traerá como consecuencia que estas materias “de segundo nivel” irase abandonando para traballar máis aquelas “das que se poida tirar máis rendemento”·.
·       Para retroceder na procura dunha educación de competencias e non de contidos; se te van avaliar polos contidos que coñeces ese vai ser o obxecto dos teus estudos.
·       Para desprezarnos a nós mesmos; a nosa contorna, a nosa organización vital, os nosos valores e costumes non teñen importancia e non se avalía o seu coñecemento e interiorización, a competencia matemática valorarase en castelán, e a nosa lingua só serve para ser auto avaliada; o único para o que serve o galego é para falar galego, pero sempre que non falemos de cousas “importantes”.
·       Para gastar inutilmente os nosos recursos públicos: logo de anos de recortes, agora imos gastar para avaliar cómo estamos logo de estar recortados. Un absurdo.
·       Para xustificar calquera medida posterior: unha proba realizada por uns nenos e nenas de oito anos, que están fóra do paraugas protector do seu titor ou titora, pode dar como resultados calquera cousa ou a contraria. 



POR ISO EN ANPAS GALEGAS

·         Rexeitamos as reválidas, todas, pero esta especialmente porque está aí xa, e porque vai contra os máis pequenos dos nosos nenos e nenas.
·         Apoiamos ás familias que decidan non enviar aos seus fillos e fillas á escola durante os días nos que se organicen estas probas.
·         Chamamos ás familias para que manifesten o seu rexeitamento, a través da presentación do escrito que se acompaña.
·         Expresamos publicamente o noso rexeitamento como confederación, e invitamos a todas as federacións e a todas as anpas a que o fagan así en todos os foros que teñan ao seu alcance, páxinas web, redes sociais, taboleiros de anuncios, difusión aos seus socios, etc.
·         Esiximos nova e constantemente a derrogación da LOMCE, non queremos esa Lei, e non pararemos de dicilo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.