12 de septiembre de 2013

ESCOLAS CULTURAIS DO CONCELLO DE TEO. CURSO 2013/2014

O Departamento de Cultura municipal, dirixido por Carme Hermida, abre o prazo para anotarse nas escolas culturais dirixidas a nenos/as e adultos/as. A programación mantén unha oferta estable de actividades de xeito que as persoas que xa asistiron en anos anteriores poidan continuar con esta formación en diversas disciplinas.

As actividades ofertadas céntranse nas artes plásticas, as artes escénicas, as artes musicais e o baile. O obradoiro de artes plásticas está aberto a nenos/as dende os 3 anos ata os 14 e farase os luns na escola de Ameneiro en Calo e os martes no local de Tras do Eixo, en Cacheiras. Neste taller traballarase con técnicas como o lapis, carbón, tinta china, óleo, sanguina, acrílico, modelado... O obradoiro está impartido por un animador sociocultural, artista plástico e pintor e ademais da formación na aula ten programadas actividades no exterior e algunha visita a museos o salas de exposicións.

O obradoiro de teatro ten dous grupos diferenciados por idades. O xuvenil é para nenos/as de 9 a 16 anos e o de adultos está dirixido a mozos/as maiores de 16 anos e adultos. As clases serán no CSC da Ramallosa e o horario determinarase en función do interese das persoas inscritas. Durante o curso montarase unha obra teatral que será representanda en público ó remate do obradoiro.

O obradoiro de guitarra, que se imparte no local de ensaio de Calo os martes pola tarde, está impartido por un músico profesional, cantautor e profesor de guitarra. Nesta escola aprenderase a tocar a guitarra dende cero, nos niveis básicos mentras que o alumnado que xa teña coñecementos estará accederá ó nivel medio.

O obradoiro de baile este ano será impartido polo Taller Alecrín de danza en colaboración co Concello. Deste xeito para inscribirse hai que facelo directamente chamando ó teléfono 881 981 738 (Francisco Muñiz) de luns a venres de 10 a 14 horas. Este obradoiro farase na Casa Común de Oza os mércores e ofértase baile deportivo para rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, baile en liña e bailes latinos e de salón tanto de iniciación coma de perfeccionamento.

Para anotarse nalgunha destas escolas hai que facer unha preinscrición entre os días 2 e 20 de setembro entregando unha ficha de inscrición no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres de 09:00 a 14:00 horas ou os sábados de 09:00 a 13:00 horas. A ficha xa se pode recoller nas oficinas de Cultura, no CSC da Ramallosa, nas oficinas xerais do Concello ou descargala premendo aquí

A admisión nos obradoiros farase por rigurosa orde de inscrición. As persoas admitidas poderán formalizar a matrícula entre o 21 e o 26 de setembro. A listaxe de admitidos publicarase na web www.concellodeteo.com e no taboleiro no Rexistro Xeral o 21 de setembro. Para formalizar a inscrición hai que facer o pagamento da taxa correspondente á actividade e entregando o resgardo do xustificante do pagamento no Departamento de Cultura. As escolas comezan a funcionar a primeiros de outubro e rematan en xuño. No curso pasado participaron nalgún dos obradoiros culturais ó redor de 200 persoas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.